martes, 12 de mayo de 2020

AMORES TÓXICOS

Cada vez é máis habitual atopar pais que educan aos seus fillos cun estilo educativo  sobreprotector.

Trátase dun fenómeno moi frecuente entre as familias do século  XXI.

Segundo o país de orixe é coñecido de distintas maneiras: pais helicóptero, overparenting, curling parenthood… pero a idea que subxace baixo todas estas denominacións é a mesma, independentemente de como se lle chame.

Como pais é natural protexer aos nosos fillos, desgustarnos cando as cousas non lles van ben ou temer pola súa integridade.
Pero, ata onde é conveniente? Ata onde é parte do noso labor ou comeza a converterse nunha preocupación excesiva?. Onde está o límite entre protexer e  sobreproteger?.



Un criterio que podería servirnos como  referencia sería preguntarnos se a protección que exercemos como pais impide aos nosos fillos crecer como persoas; se se converte nun freo que dificulta o desenvolvemento da súa autonomía física e moral; se é factible que faga por si mesmo aquilo ao que lle estamos axudando; se a axuda é algo puntual ou é algo sistemático.

Ademais o estilo parental sobreprotector adoita ir acompañado de falta de límites e responsabilidades, dun alto grao de angustia, dun forte desexo de gustar ao noso fillo primeiro de nada ou dunha alta esixencia  sobre o noso papel.

Paradoxicamente a  sobreprotección, que se xustifica como un exercicio de amor cara aos nosos fillos, causa uns danos importantes no desenvolvemento da súa personalidade.

Acaba converténdose nun amor tóxico que transforma aos nosos fillos en persoas inseguras, esixentes, faltas de autonomía e de iniciativa; cunha baixa tolerancia á frustración; con nula capacidade de esforzo; con dificultade para recoñecer os propios erros, pero cunha gran capacidade para responsabilizar aos demais deles; cunha sensación de insatisfacción permanente, pois teñen a percepción de que se merecen todo a cambio de nada; con baixa capacidade de liderado.


En xeral,  sobreprotegemos aos nosos fillos cando:

  • Tentamos resolver todos os seus problemas para que non sufran.
  • Pretendemos quitar de medio todos os obstáculos que poidan xurdir no seu camiño, mesmo antes de que aparezan.
  • Xustificamos sempre as súas condutas e vemos o problema nos demais.
  • Non deixamos que se enfronten ás consecuencias naturais dos seus actos.
  • Evitamos que asuman pequenas responsabilidades e esixímoslles menos do que correspondería pola súa idade.
  • É habitual  que terminemos nós  as  tarefas que lles corresponden a eles.
  • Impedimos que se equivoquen, por medo a que sufran.
  • Contestamos por eles.
  • Deixámonos levar polos nosos medos, utilizándoos para que non se aparten do noso lado.
  • Non lles ensinamos a enfrontarse ás contrariedades ou a situacións  desagradables  e facémolo nós no seu lugar.
  • Dámoslles absolutamente todo o que piden, para que non se frustren.
  • Dános medo exercer autoridade, porque queremos que nos queran e que nos vexan como os mellores pais.


Que debemos facer entón?

PROTEXER aos nosos fillos, non  sobreprotegerlos.

  • Ser afectuosos e comunicativos.
  • Mostrar confianza nas súas posibilidades e darlles seguridade.
  • Permitir que se equivoquen,  que experimenten a frustración, e, ao mesmo tempo,  estar aí para escoitarlles e axudarlles.
  • Ofrecerlle a nosa axuda cando a soliciten, dirixíndoa a que aprendan a utilizar os seus propios recursos.
  • Valorar os seus logros e animalos a que o tenten de novo cando non sexan capaces.
  • Deixar que asuman responsabilidades en relación coa súa idade.
  • Permitir que fagan as cousas por si sós, aínda que os resultados non sexan perfectos ou lles esixan máis tempo.
  • Favorecer as súas relacións sociais e non interferir nelas, animándoos a que resolvan  autónomamente conflitos sinxelos.
  • Evitar fomentar neles o sentimento de indefensión e dependencia.
  • Procurar non compracerlles sempre.
  • Non temer en facer cumprir unhas normas coherentes e consistentes.



Educar aos nosos fillos na autonomía, é o mellor que podemos facer por eles para conseguir  que sexan felices, para preparalos para a vida, para que se convertan en persoas adultas  libres e  capaces de manexarse por si soas.

Fonte: Deixarlles fracasar "Todo para a familia"

No hay comentarios:

Publicar un comentario